CON TOURIÑO, PEOR QUE CON FRANCO
Arteixo, 20 de xullo de 2007.
A ampliación da central térmica de Sabón será inaugurada o próximo luns coa presencia do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Os veciños denuncian que a instalación non conta aínda con tódalas autorizacións da Xunta de Galicia, dado que están pendentes de contestación as alegacións presentadas por moitos veciños e a asociación ecoloxista Adega.
A Plataforma pola Eliminación das Liñas de Alta Tensión de Oseiro denunciou tamén ante o Fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o procedemento polo que se otorgou licencia de ampliación a Unión Fenosa . Tras coñecer "por unha serie de casualidades "que as instalacións comezan a funcionar o luns, anuncian a presentación a semana vindeira dun escrito diante da Fiscalía denunciando a posta en marcha do ciclo combinado da central sin a correspondente autorización ambiental, certificación das obras realizadas e sin licencia de acividade. "Para nós é moi grave o feito de que sexa o propio presidente da Xunta e o Conselleiro de Industria os que veñan respaldar coa súa presencia unha ilegalidade", din os veciños de Oseiro. "Non respostaron ás nosas alegacións e agora veñen inaugurar sabendo que a central aínda non ten a autorización ambiental integrada, co cal non se pode poñer a funcionar" afirman desde a Plataforma, que tamén piden á alcaldesa de Arteixo, Pilar Souto, que non acuda ó acto "para demostrar así a solidaridade cos veciños e o seu apoio decidido" As alegacións foron presentadas o pasado mes de febreiro , e os veciños fundamentaban a súa oposición ó proxecto na proximidade da instalación a importantes núcleos habitados por preto de 16.000 persoas , en tódolos casos a menos de 2 kilómetros, o cal vulneraría o artigo 4 do Regulamento de Actividades Molestas , Nocivas e Perigosas. Tamén se indicaba o altísimo nivel de contaminación que sufre xa a zona, onde se concentran ata 8 empresas consideradas como perigosas ou nocivas, ademáis da proximidade ó embalse do Rexidoiro , de onde se extrae auga para o consumo humano. A posta en marcha da central leva aparellada tamén o incremento das radiacións que soportan os veciños da Urbanización Sol e Mar, por onde trascorren 3 das liñas de alta tensión polas que se evacúa a enerxía que vai producir a térmica. "Para nós o funcionamento da central é unha noticia terrible, xa que as liñas que ata agora apenas levaban enerxía va pasar a estar en permanente uso todo o ano as vintecatro horas do día. Esto supón unha auténtica traxedia, un incremento das enfermidades nos veciños da Urbanización a causa das radiacións electromagnéticas ", din os veciños. A Plataforma Veciñal lamenta que "mentras vemos como apoian a unha gran empresa, ós veciños deíxannos esquecidos. Nin a Xunta, nin o Concello, nin os partidos políticos apostan pola nosa saúde e os nosos dereitos"
Plataforma de Afectados polas Liñas de Alta Tensión de Oseiro
0 comentarios