Blogia
CIUDADAN@S CABREAD@S, denunciando al sistema.

CAZA DE BRUXAS NO BNG

Por Pilar Rahola

A estas alturas da biografía do mundo, iso que chaman a historia, xa é pertinente aseverar, con convición, que as forzas reaccionarias da dereita son tan malvadas e perversas coma o son as forzas reaccionarias de esquerdas. As dúas tinxiron de sangue e traxedia a pel de Europa, as dúas masacraron a millóns de persoas e as dúas basearon o seu poder na destrución sistemática dos dereitos fundamentais. Se algo lles une é, sen dúbida, o odio profundo á liberdade. Cunha diferenza: o mundo recorda e respecta a memoria das vítimas das ditaduras de dereitas, pero decidiu mergullar ás vítimas das ditaduras de esquerdas na ignominia do desprezo, o silencio e a impunidade dos culpábeis. Non hai moito aínda podiamos ver como esta mestura de zar feudal e comisario stalinista que é Putin, transformaba a homenaxe ao final da Segunda Guerra Mundial, nun panexírico do réxime stalinista. E fíxoo ante decenas de xefes de estado, impasíbeis á vergonza. O denso e pesado silencio do mundo intelectual, político e social ante as atrocidades destas ditaduras de esquerdas, é un síntoma máis da derrota da liberdade en mans do sectarismo. De feito, un triunfo sangrante da dupla moral.

Nada do que está pasando, pois, en Galiza, resúltame sorprendente. Que a UPG, cualificada formación integrante do BNG, queira expulsar a un dirixente local porque non defende o catecismo ideolóxico imposto, e porque non tolera a liberdade de pensamento, forma parte da mellor tradición das checas comunistas.
Cal é a lesa culpa de Pedro Gómez-Valadés? Nacionalista galego, home de esquerdas e militante comprometido, Pedro cometeu un pecado de incorrección que sacou do armario á vocación inquisidora do seu partido, e o resultado é o intento de expulsión: creou unha asociación de amizade con Israel. É dicir, desde a súa capacidade de pensar individualmente, máis aló do pensamento único, e convencido da validez da dialéctica como método de razoamento, chegou a conclusións sobre Medio Oriente que non son as maioritarias no seu partido. Actos da asociación? Algúns encontros culturais, o recordo do Holocausto, e máis boas intencións que orzamentos. Pero foi dabondo para animar a unha auténtica caza de bruxas interna que, ate, levou ao deputado Francisco Rodríguez, nunha asemblea xeral, a asegurar que os únicos amigos posíbeis do seu partido son a Cuba de Fidel, a Venezuela de Chávez e, ¡ai!, a República Islámica de Irán. Obviamente, ante esta tríade de paraísos da liberdade, a democracia israelí non ten cabida. De momento, pois, Pedro está sufrindo todo tipo de improperios, foi chamado a filas, recibiu descualificacións públicas e ten un proceso de expulsión aberto, aínda non resolto. E todo por pensar máis aló de consignas. Poderiamos considerar que se trata dunha anécdota desgrazada, que en todas as familias hai sectarios e que a anécdota non chega a categoría. Pero non é así. De entrada, estamos falando dun partido que está no goberno de Galiza.
Non resulta, xa que logo, intranscendente que un dos seus membros máis cualificados, considere como referentes a tres das peores ditaduras actuais. É dicir, o goberno galego inclúe, nas sensibilidades que o gobernan, ideas totalitarias de esquerdas. Que pasaría se incluíse ideas totalitarias de dereitas? Ademais, este tipo de caza de bruxas contra os librepensadores, non só resulta impune senón que está ben vista, cando se produce no nome da esquerda. Non teño ningunha dúbida de que o deputado Paco Rodríguez, e a corrente ideolóxica que representa, son profundamente reaccionarios. Pero a diferenza dos reaccionarios de dereitas, estes teñen boa prensa. Hoxe, pódese defender unha tiranía insufríbel como a iraní, ou o espantallo da ditadura cubana, ou os delirios do populismo fascistoide de Chávez, e vendelo todo coma unha aposta solidaria e progresista. Sob a bandeira da solidariedade, esconderse miradas brutalmente insolidarias con miles de vítimas.

Por suposto, está o tema de Israel, auténtico catalizador de todas as patoloxías que a esquerda reaccionaria é capaz de crear. Neste punto, Israel representa o termómetro do maniqueísmo ideolóxico. Criminalízaselle, se homoxeneiza ate o punto de que calquera israelí, polo só feito de existir, é culpábel, redúcese a súa democracia a unha caricatura, e pola vía de defender a lexítima causa palestina, se minimiza ate a comprensión ao terrorismo nihilista. Por sumar despropósitos, ata se chega a banalizar o Holocausto. Mentras, os amigos das ditaduras de Siria, de Irán, do Sudán, etc, vanse de rositas. Amigos da causa... En fin, non hai moito máis que dicir. Pedro Gómez-Valadés ten un problema co seu partido. Pero esa non é a cuestión. A cuestión é que o seu partido ten un serio e fondo problema coa liberdade.

1 comentario

Carlos -

Á Sra. Pilar Rahola se lle ve o plumeiro por tódalas partes e indicánnos claramente onde está. Coincidimos con ela na "caza de bruxas" que está a ter lugar no BNG por parte do sector Paco Rodríguez-Quintana, os mismos que modificaron a súa postura, e pasaron de estar en contra da instalación de REGANOSA dentro da ría do Ferrol, a defendela. ¿Por qué?..... Pero non quiero desviarme do esencial; volvamos coa Sra. Rahola. No seu artigo, casualmente, fálanos desa falsa división do mundo en "bós" e "malos" (lóxcamente estes últimos son Cuba, Irán e Venezuela. Semella que xa non Corea no Norte, que entra no redil). Eu recordaríalle que Israel forma para do chamado "eixo do mal", é dicir o eixo que defende A LEI DO MÁIS FORTE. Non precisamente a razón. Israel que sufriu seu holocausto, masacra ao pobo palestino, dispón de armas atómicas (¿contra quén?), incumple tódalas resolucións das "Naciones Unidas" que non lle interesan, impide que se investigue o atentado de Arxentina (que seguramente provocaron as propias forzas israelíes, etc, etc, etc.) Xa está ben de bós e malos, de ricos e pobres. Fagamos un mundo solidario, que reparta as abondantes riquezas, onde as armas non sexan a principal industria e deixémonos de etiquetas descalificadoras para os que intentan cambia-lo mundo, inda recoñecendo seus erros.