Blogia
CIUDADAN@S CABREAD@S, denunciando al sistema.

OS SEN VOZ DE GALICIA

OS SEN VOZ DE GALICIA

Tod@s as Asociacións socioculturais que nos agrupamos baixo a denominación de OS SEN VOZ  compartimos un profundísimo malestar pola deriva que hai tempo ven mantendo A VOZ DE GALICIA. Somos conscientes da importancia que este grupo de comunicación ten na conformación da opinión pública galega, e dende a nosa condición cidadá entendemos que é necesaria unha profunda rectificación na liña editorial deste grupo no que atinxe alomenos á bisbarra de Ferrol.      

A nosa condición cidadá  a vimos amosando dende hai anos , pois a meirande parte de nós ten unha dilatada experiencia de traballo nos movementos sociais, e xa que logo, na vida pública da nosa bisbarra. No noso traballo social constatamos que a empresa de comunicación que é A VOZ DE GALICIA amosa unha predisposición digna de mellor causa a ignorar ou deformar a realidade social na que nos vivimos e as propostas do carácter que sexan que temos lanzado.    

Estamos decididos a exercer os dereitos de cidadanía que a constitución nos recoñece e que resultan en dereito e moralidade moi superiores o dereito/práctica  de gañar cartos conculcando dous principios básicos xa non da profesión periodística, senón da vida social democrática: a veracidade e a pluralidade.     

O relatorio de problemáticas e informacións, de conflitos sociais xerados na vida social, económica, política e cultural da cal somos parte e que  A  VOZ DE GALICIA manipula  ou silenza resulta esgotador; sirvan algúns dos máis relevantes, sen ánimo de exhaustividade: ¡¡ PLANTA DE GAS !! de Reganosa, Fraga de Menáncaro, vivendas de Recimil,  o relativo a José Couso, a cuestión do EDIFICIO  da Praza de España - Porta Nova , os sucesivos conflitos laborais, o polígono industrial de Brión, Praza de Sartaña, o convenio con defensa e a non residencia universitaria... Nós queremos ser claros mais non inxenuos: recoñecemos a filiación desta sistemática de desinformación, silenzos e exclusións  practicada polo grupo A VOZ DE GALICIA,  pois non en van nunha manchea de temas aparece a pantasma de poderosos intereses económicos e redes relacionadas  entre poderosos que conforman unha trama de intereses espurios, que nós como cidadanía comprometida temos a obriga de denunciar.     

Nesta sociedade da globalización capitalista o impacto dos medios de comunicación acada unha grande importancia, quizais máis que noutrora. Os grandes medios de comunicación de masas son antes que nada empresas que teñen como obxectivo gañar cartos e deste imperativo despréndese o corolario que fai que tendan a soster ideoloxicamente a orde social que lles permite reproducirse como empresas. Somos sabedores de que o grupo A VOZ DE GALICIA é unha empresa privada, mais pensamos que non todo vale nesa dinámica, que hai valores que cómpre preservar, sinaladamente dous: VERACIDADE, PLURALIDADE : Sen ambolosdous comprométese de xeito irremediable a calidade da información, reducida entón a pobre condición de mera mercadoría.    

Distinguimos e queremos preservar da nosa crítica aos traballador@s do grupo, abnegad@s profesionais dunha profesión que ten unha enorme precariedade laboral; paradoxos da globalización capitalista, que exalta a información e lastima  as condicións de traballo d@s que a producen.    

O noso fondo malestar crítico, racional, pode condensarse  nunha triplo  demanda de rectificación da praxe do grupo A VOZ DE GALICIA: como cidadanía crítica, informada, demandamos que sexan respectados os criterios de veracidade e pluralidade inherentes a unha praxe informativa honrada. 

DEMANDAMOS O CESAMENTO DO ACTUAL DELEGADO DA VOZ EN FERROL, BAIXO O CAL TEÑENSE ACENTUADO OS PEORES RASGOS DE SECTARISMO INFORMATIVO E DE ATAQUES Á PLURALIDADE SOCIAL E POLITICA. DEMANDAMOS Á RENUNCIA DO PRESIDENTE DA VOZ DE GALICIA A DISTINCION QUE O FARIA – FILLO ADOPTIVO DA CIDADE DE FERROL-, POR CANTO ENTENDEMOS QUE HOGANO CARECE DO NECESARIO CONSENSO SOCIAL PARA SER MERECENTE DE TAL  HONRA. 

En Ferrol , a 20 de Marzo de 2007.

3 comentarios

nerub -

¿que asociacións firman eso? Non aparecen por ningún lado. ¿Cobardía? A min me da que son catro gatos cabreados

Iago -

Sempre estamos a falar do mesmo y rematamos creendo falsedades. A liberdade de expresión existe tan so para unhos poucos. A grande maioría non temos posibilidades algunha de expresarmos, máis que no café ou nas nosas casas. Os medios e comunicación, en mans de fortes grupos económicos, son os que realmente teñen, e exercen a "liberdade", a súa liberdade a costa de desinformar aos cidadáns, manipulando a información. Tan so así podemos explicar a manipulación que está a facer "La Voz de Galicia" no tema de REGANOSA. Pero tamén manipula o Sr. Tojeiro, dende GADIS, e o Banco Pastor, e Caixa Galicia, etc, etc, etc... exercendo censura económica. É dicir, si publicas algo que non quero retíroche a publicidade. ¿Está claro?. É suficiente ollar un diario para recoñecer a maioría dos censores. A publicidade está sinalando nos periódicos, nas televisións, nas vallas publicitarias, etc, etc quen son a maioría dos que manipulan a información. E canto máis fortes, xeneran máis publicidade, e exercen maior control.

anton gonzalez -

Esto que contades é "costume da casa" desde sempre. O mellor que se pode facer é non mercar nin ler este folleto de xornalismo mercenario como venho facendo eu desde hai anos. Asegúrovos que se vive mellor.